Todavía coas certeiras verbas do Secretario de Organización do P.S.O.E., Pepe Blanco, resonando no noso maxín, toca relata-lo que aconteceu onte nos actos da campaña local.
No que tivo lugar en Oira, a candidata ao Congreso dos Deputados, Antía García, lembrou os avances en materia de igualdade de xénero acontecidos durante esta lexislatura, como a caída da taxa de desemprego feminino dende o 19 ata o 6,4%, afirmando que, para as mulleres, o que é preciso é que haxa “menos cargas e máis cargos”.
Pola súa parte, o deputado Alberto Fidalgo lembrou alí o fito de xustiza e recoñecemento a quen o merece que supuxo a aprobación da Lei da Memoria Histórica.
No mítin de Velle repetiu Alberto e tamén participaron a Concelleira de Urbanismo, Áurea Soto, e o deputado no Parlamento de Galicia Pablo López Vidal.
Pablo animou aos presentes a distinguir aos verdadeiros políticos, que son aqueles que “teñen vocación de servizo público, non de servirse do público”.
Abordando a cuestión das infraestructuras, Vidal dixo que da man de Alberto Fidalgo o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, acadou o cambio de trazado do A.V.E. ao seu paso pola mesma.
Pola súa parte, Alberto Fidalgo, constatando que a súa intervención en Velle se producía despois da saída da misa, lembrou a grande cantidade de católicos que votan ao P.S.O.E. o que, segundo o candidato non só reflicte o reducido de certas actitudes, senón que constitúe unha proba máis de que o Socialista é o Partido que máis se parece á sociedade española.
Para Alberto que viviu de preto a lexislatura recén rematada, un resumo da actividade do P.P. nela pasaría por dicir que Rajoy e a súa pandilla “pasaron catro anos crispando, insultando, enrabietando, e sen prantexar unha alternativa”, en clara contraposición coa oposición feita no seu día polo P.S.O.E., que foi “constructiva e leal” con España.
Falou tamén Fidalgo da nova regulación do divorcio para axiliza-los seus antes anoxosos trámites, asegurando que a súa principal vantaxe é acortar moi substancialmente o periodo de incertidume sobre o futuro que, nestes casos, teñen os separados e, sobre todo, os seus fillos.
O deputado reflexionou cos veciños de Velle que, no mundo de hoxe, se traballa máis co cerebro que coas mans, e de aí a importancia do anuncio da ministra Espinosa de que nun ano tódolos concellos da provincia disporán de banda ancha no acceso a Internet. Outro síntoma máis de que a nosa provincia comeza a colle-lo tren das Novas Tecnoloxías é que, segundo informou, no noso Parque Tecnolóxico hai dous centenares de empresas máis que hai catro anos.
Proseguido con cifras, Alberto lembrou a contundencia das relativas ao emprego, xa que “en Ourense nunca houbo tanto emprego e tan pouco paro”, pero tamén fixo números coas do investimento per cápita na provincia. Así, no relativo a infraestructuras, os gobernos de Aznar investiron 175€ por ourensán, mentres que con Zapatero a cifra se disparou a 908. Pero, contando a inversión total, en tódolos capítulos e de tódalas administracións gobernadas polo mesmo partido, resultou que os gobernos de Aznar, Fraga, Baltar e Cabezas totalizaron unha inversión de 431€ por ourensán, mentres que os de Zapatero, Touriño e Francisco Rodríguez 1.458€, e esta cifra sen contar, coma na anterior, coa Deputación, que só aportaría 30€ ao total.
Como consecuencia dese ritmo inversor, lembrou Fidalgo, a nosa provincia pasou de estar entre as dez últimas nese ránking a situarse entre as dez primeiras.
Xa pola tarde, a asistencia de público ao mítin de Elena Espinosa e José Blanco esnaquizou calquera previsión pesimista sobre as preferencias dos ourensáns nunha tarde dominical: o recinto estaba completamente desbordado, e moitos cidadáns tiveron que segui-las evolucións do acto dende o exterior.
E, por último, unha reflexión ao fío do dito ao respecto polo propio afectado ao inicio do mítin: ¿por qué cando en Galicia lle chaman “Pepiño” soe ser con sinceiro cariño, e moitos por Madrid pretenden que ese sufixo tan galego supoña desprezo?.